Destacada presenza do CESGA en FIA 2012
0 voto(s)
Xoves 10/05/2012 11:10
• A Future Internet Assembly (Asemblea da Internet do Futuro) aborda os aspectos políticos tecnolóxicos e socioeconómicos do futuro de Internet, contando con proxectos de vangarda nas súas respectivas áreas.
• Investigadores do Departamento de Aplicacións e Proxectos do CESGA participan nas demostracións en vivo de FIRE (Future Internet Research and Experimentation).
A Future Internet Assembly (FIA) 2012 celébrase os días 9, 10 e 11 de Maio en Aalborg, Dinamarca, baixo a Presidencia de Dinamarca no Consello da UE. Coa lema "Cidades intelixentes e a Internet das cousas", o conxunto de conferencias e actos programados abordarán os aspectos políticos, tecnolóxicos e socioeconómicos do futuro de Internet contando coa participación de diversos representantes da industria, o mundo académico e ‘stakeholders' da Comisión Europea e os estados membros.
Actualmente, FIA reúne proxectos de investigación que forman parte do programa TIC do Sétimo Programa Marco. Trátase de proxectos de vangarda nas súas respectivas áreas e dado que o FIA permite interaccións abertas e enriquecemento mutuo a través dos dominios técnicos, convértese nunha oportunidade de captación de talentos para a comunidade investigadora Europea da Internet do Futuro.
CESGA presenta un experimento “en vivo” en BonFIRE
O CESGA participa na Asemblea activamente, dentro do apartado FIRE, Future Internet Research and Experimentation, (Investigación e Experimentación na Internet Futuro) dentro da súa participación no proxecto de infraestrutura Cloud BonFIRE. En FIA, CESGA demostrará unha ferramenta desenvolvida no experimento Clusteres Virtuais en sitios Cloud Federados (VCOC) para facilitar a implementación automática e a monitorización de clusters virtuais no Cloud Federado BonFIRE.
O Proxecto BonFIRE desenvolveu un Cloud federado que dá soporte á experimentación e a proba de escenarios novos da comunidade de investigación de servizos de Internet. Un deses experimentos é precisamente VCOC, cuxo obxectivo é avaliar a viabilidade do uso de múltiples contornas Cloud para despregar servizos que necesitan a asignación dun grupo grande de CPUs ou de máquinas virtuais para un único usuario (como en casos de Computación de Altas Prestacións, HPC, ou en Computación de Alta Produtividade, HTC).
Os resultados do experimento VCOC permitirán mellorar as técnicas para o despregamento de servizos virtuais sobre infraestruturas Cloud federadas, as regras para a xestión destes servizos e os métodos de xestión da elasticidade da infraestrutura a través da información proporcionada polas aplicacións.
CESGA
O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) que depende da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia e do Consello Superior de InvestigacionesCientíficas (CSIC), é un organismo cunha traxectoria de máis de 19 anos. O seu obxecto é investigar, fomentar e difundir servizos de cálculo intensivo e comunicacións avanzadas ás comunidades investigadoras galega e do CSIC, así como a aquelas empresas ou institucións que o soliciten. www.cesga.es
BONFIRE
O proxecto BonFIRE, é unha infraestrutura Multi-Cloud europea dentro da iniciativa de Future Internet Research and Experimentation (FIRE) que reforza a estratexia da Comisión Europea para que Europa lidere o despregamento de Cloud Computing no mundo. Building service testbeds for Future Internet Research and Experimentation (BonFIRE).Suporá un investimento de 9,48 millóns de euros, dos que 7,2 millóns serán achegados pola Unión Europea. O proxecto estenderase ata novembro de 2013.O proxecto recibiu financiamento dentro do Sétimo Programa Marco da Comisión Europea (contrato número 257386). Para máis información: www.bonfire-project.eu

