O Padroado do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) celebrado hoxe aprobou o nomeamento como novo director xerente desta entidade a Lois Orosa Nogueira, que substitúe no cargo a Mauro Fernández Dabouza.
Nacido en Santiago de Compostela en 1982, Lois Orosa é enxeñeiro en Telecomunicacións pola Universidade de Vigo. Doutor en Arquitectura e Tecnoloxía de Computadores, conta cunha ampla experiencia investigadora internacional de primeiro nivel, tanto no ámbito da industria como no académico. Así ten realizado proxectos en empresas como IBM R&D (Israel), Xilinx (Irlanda) e Recore Systems (Países Baixos), así como na Universidade de Illinois en Urbana-Champaign (Estados Unidos), a Universidade Nova de Lisboa (Portugal), a Universidade de Campinas (Brasil) e a ETH Zurich (Suíza). Nesta última exercía ata a data como investigador sénior, realizando tanto proxectos de investigación na área de arquitectura de computadores como tarefas docentes.
O Centro de Supercomputación de Galicia xogará un papel clave no desenvolvemento do Polo de Tecnoloxías Cuánticas que busca consolidar Galicia como referente para o desenvolvemento e validación deste tipo de tecnoloxías con vocación de ofrecer un impacto positivo en diferentes sectores produtivos.
Neste ámbito, a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), e o Cesga asinaron un convenio dotado con 11,6 millóns de euros para despregar unha infraestrutura baseada en tecnoloxías cuánticas. Este investimento súmase aos 7 millóns de euros achegados polo Goberno galego, coa colaboración do CSIC, para implantar o novo supercomputador Finisterrae III. Estas iniciativas están financiadas con fondos europeos.
Máis información: https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/66375/compostelano-lois-orosa-sera-nuevo-director-del-centro-supercomputacion-galicia?langId=gl_ES