A Xunta presenta a Rede Galega de Tecnoloxías Cuánticas para sumar esforzos e avanzar no liderado de Galicia nesta materia
Esta alianza integra á Xunta, a través das consellerías de Economía, Industria e Innovación e de Sanidade así como Amtega, ás tres universidades do SUG, o CESGA, o Clúster TIC, os Hubs de Innovación Dixital DIHGIGAL e DATAlife, o centro tecnolóxico Gradiant, o Fujitsu International Quantum Center e o Centro de Tecnoloxías Fotónicas (Aephos)
O seu obxectivo é establecer unha rede de colaboración que facilite o desenvolvemento dun ecosistema completo de coñecemento e industrial ao redor destas tecnoloxías, mellore o posicionamento e visibilización das capacidades de Galicia e impulse a adopción destas tecnoloxías polo tecido empresarial
Esta Rede enmárcase no Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia e súmase a outras actuacións como o computador cuántico do CESGA, o Quantum Communication Center da Uvigo e o International Quantum Center de Fujitsu, a participación no Plan Complementario de Comunicación Cuántica e o Máster Interuniversitario de Cuántica do SUG
Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2023
A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, presentou esta mañá na Cidade da Cultura de Galicia a Rede Galega de Tecnoloxías Cuánticas, unha rede de colaboración entre a Administración, os centros tecnolóxicos e de investigación, as universidades e o sector empresarial para sumar esforzos e avanzar no liderado de Galicia en tecnoloxías cuánticas.
No acto explicouse a necesidade de crear esta rede de colaboración para facilitar o desenvolvemento dun ecosistema completo de coñecemento e industrial ao redor destas tecnoloxías, contribuír ao mellor posicionamento e visibilización das capacidades de Galicia en investigación e impulsar a adopción destas tecnoloxías polo tecido empresarial.
Entre os obxectivos da Rede atópanse impulsar a colaboración entre os axentes en tecnoloxías cuánticas, permitindo un mellor aproveitamento das capacidades e xerando sinerxías; fomentar a participación conxunta en proxectos de I+D; coordinar as infraestruturas e recursos; coordinar accións de comunicación e difusión; colaborar no posible desenvolvemento de estudos de demanda, prospectiva e observación tecnolóxica; promover os cambios regulatorios que se requiran; deseñar ferramentas e instrumentos específicos para o desenvolvemento destas tecnoloxías; fomentar o seu uso nos sectores económicos estratéxicos de Galicia e a xeración de empresas especializadas; promover o posicionamento da Rede fóra de Galicia; atraer industria e capital humano cara a nosa Comunidade; e coordinar co sector educativo e outros axentes formación especializada.
A directora de Gain agradeceu a todos os integrantes da Rede a súa rápida adhesión e subliñou a importancia de crear este espazo de traballo conxunto para que Galicia sexa referente en tecnoloxías cuánticas no horizonte do ano 2030. Ademais, apuntou o impacto destas tecnoloxías, que permitirán acelerar o desenvolvemento económico en practicamente todos os sectores, e polas que se está a realizar unha importante aposta tanto a nivel internacional, europeo, estatal e galego.
Argerey apuntou que esta Rede se enmarca precisamente nesta aposta de Galicia polas tecnoloxías cuánticas, que arrincou co lanzamento no 2022 do Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia, no marco do se están a realizar investimentos por importe de máis de 30 millóns de euros e no que xa se crearon máis de 40 empregos directos de alta cualificación.
Ademais, destacou a posición de liderado de Galicia nesta materia, que se converterá na primeira Comunidade Autonóma en contar cun computador cuántico de gran capacidade no CESGA, do que se beneficiará todo o tecido empresarial galego, centros tecnolóxicos e de investigación e universidades e permitirá incrementar a competitividade da economía galega a medio prazo. Ao computador súmanse o Quantum Communication Center da Universidade de Vigo e o International Quantum Center de Fujitsu en Galicia, a participación galega no Plan Complementario de Comunicación Cuántica e a primeira edición este curso do Máster Interuniversitario de Cuántica.
Para concluír, Argerey convidou a todos os axentes interesados a sumarse a esta alianza, especialmente ás empresas, e a participar activamente nela para avanzar na consecución dunha Galicia máis moderna e innovadora grazas ás tecnoloxías cuánticas.