CESGA lanza un asistente de soporte baseado en IA para mellorar o seu servizo á comunidade usuaria.

Aproveitando as vantaxes que ofrece a IA cos últimos avances en modelos LLM, desenvolvemos un asistente para que vos axude a resolver dúbidas relacionadas co uso dos nosos sistemas.

O asistente tamén permite superar a barreira do idioma. Por defecto utiliza o galego, pero podedes pedirlle que vos conteste en castelán ou en inglés.

Animámosvos a probalo:

https://chat.cesga.es

Aquí tedes algúns exemplos de consultas que poderías preguntarlle: Como podo transferir datos ao CESGA?, Como podo conectar gráficamente ao Finisterrae?

A interface é moi sinxela, só aclarar dous aspectos:

– Na parte esquerda da páxina hai un despregable chamado “Temática”. Por defecto está automático, pero se escolledes o tema, o asistente poderá darvos respostas moito mellores.

– En calquera momento podedes iniciar unha nova conversación escribindo “/clear”.

A información que pode dar está basicamente limitada ao contido das guías de usuario. Con todo, temos plans para ampliar o modelo e incorporar fontes adicionais de información no futuro. Esta é unha primeira versión e seguimos traballando para melloralo.

Dado que os modelos LLM teñen tendencia a alucinar e inventar as respostas, é importante contrastar a información que facilita. Por iso, o asistente está programado para que sempre indique as referencias á sección da guía de onde obtivo a información.

Enviádenos os vosos comentarios a sistemas@cesga.es.

Esperamos que vos sexa de utilidade!