O novo Supercomputador FINISTERRAE III do CESGA multiplicará por 12 a capacidade de cómputo

  • O novo Finisterrae III do CESGA multiplica por 12 a capacidade de cálculo do anterior supercomputador, dispoñerá dunha memoria total de 118 TB e unha capacidade de almacenamento de 25 PB
  • Incorpora o primeiro simulador de computación cuántica instalado en España
  • O sistema permitirá acurtar os tempos para a obtención de resultados, beneficiando aos múltiples grupos de investigación aos que presta servizo

O Centro de Supercomputación de Galicia – CESGA está en proceso de instalación dun novo supercomputador para seguir sendo un referente entre os centros de computación españois e europeos.

O novo  supercomputador FINISTERRAE III, adxudicado en febreiro á empresa Atos, multiplicará por doce a capacidade de computación do anterior supercomputador do CESGA proporcionando unha potencia de cálculo de 4  PetaFLOPS, é dicir, é capaz de resolver 4 mil billóns (10 elevado a 15) de operacións matemáticas por segundo. Incorporará 708 procesadores de última xeración Intel Ice Lake, as últimas GPUS de NVIDIA modelo A100, un sistema de almacenamento en disco de 5PB e unha Librería de Cintas de 20PB.

O Finisterrae III tamén incorporará o primeiro simulador de computación cuántica instalado en España, un Atos QLM, que situará ao CESGA como un referente no esixente mundo da computación  cuántica.

Tras a súa instalación, entrará nun período de probas e despois abrirase o seu uso á comunidade científica galega e aos grupos de investigación do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) en todo o Estado.

Unha instalación científico técnica singular

O equipo, do mesmo xeito que os seus antecesores, incorporarase ao conxunto de infraestruturas que compoñen a Instalación Científico Técnica Singular ( ICTS) da Rede Española de Supercomputación (RES). Ata un 20% da súa capacidade de cómputo será posta a disposición de calquera grupo de investigación de países da Unión Europea ou asociados, mediante as convocatorias competitivas que a RES publica cuatrimestralmente.

A adquisición deste equipo supón un investimento de sete millóns de euros que foi posible grazas ao financiamento finalista para investigación achegada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través do Ministerio de Ciencia e Innovación (MICIN), e co cofinanciamento achegado polas institucións representadas no padroado da Fundación CESGA: a Xunta de Galicia e o CSIC.

Unha arquitectura heteroxénea para unha comunidade usuaria heteroxénea

Finisterrae III componse de 354 nodos que en total inclúen 708 procesadores de última xeración Intel Xeon Ice Lake 8352E de 32 cores a 2.2Ghz, co que Finisterrae III suma 22.656 núcleos de proceso. Ademais 80 destes nodos, tamén incorpora un total de 144 aceleradores matemáticos GPU:  Nvidia A100 e GPU Nvidia  T4, o que lle dá unha potencia de cómputo total de 4  PetaFLOPS.

No seu conxunto, os  nodos do  supercomputador dispoñen dunha memoria agregada de 118 TB e unha capacidade de almacenamento en disco de 5 PB. Para almacenamento local, os nodos inclúen discos de estado sólido SSD NVMe, cunha capacidade agregada de 355 TB e unha velocidade de entrada/saída de datos ultrarrápida.

Os nodos están conectados por unha rede de interconexión de gran capacidade e moi baixa latencia  Infiniband HDR100.

O novo sistema tamén ten un subsistema para almacenamento permanente de datos en cinta cunha capacidade de 20 PB.

Finisterrae III incorpora o primeiro simulador de computación cuántica instalado en España, un  ATOS QLM de 30 qbits.

Usos do novo supercomputador

A gran capacidade e a heteroxeneidade dos nodos representan a moi variada demanda á que CESGA dá resposta. Este feito queda claramente ilustrado polas máis de 1.900 librarías científicas, ferramentas de xestión e desenvolvemento de código e aplicacións de software científico instalado nos equipos actualmente en funcionamento. Este conxunto de software inclúe ferramentas para bioloxía, xenómica, ciencia computacional, enxeñaría de datos, matemática, estatística, dinámica molecular, modelización de estrutura electrónica molecular, química cuántica ab initio, modelización de materiais, multifísica, dinámica computacional de fluídos e un longo etcétera que permite ao CESGA dar adecuada resposta a infinidade de demandas científico-técnicas.

O pasado ano, 2020, CESGA prestou servizo a 692 investigadores e innovadores provenientes fundamentalmente das tres universidades galegas e o CSIC, aínda que neste grupo inclúese tamén a persoal doutras universidades, centros tecnolóxicos e de investigación, administracións e industria.

A comunidade usuaria provén de moi variadas disciplinas, incluíndo: Ciencias da Vida, Ciencias da Terra, Física, Química, Ciencias da Computación, etc.

En 2020, estes usuarios e usuarias produciron 245 publicacións científicas. O uso das infraestruturas contribuíu a 144 proxectos de I+D+i financiados a través de convocatorias competitivas que no seu conxunto mobilizaron máis de 143 millóns de euros, dos que os grupos usuarios captaron máis de 34 millóns de euros. Este financiamento contribuíu ao financiamento de 189 postos de traballo de moi alta cualificación.

CESGA promove a integración do uso destas tecnoloxías por parte dos axentes do tecido produtivo, centros tecnolóxicos, hubs de innovación dixital e, de modo especial, por parte das pemes.


Este investimento foi financiada mediante convenio entre o Ministerio de Ciencia e Innovación e a Fundación Centro Tecnolóxico de Supercomputación de Galicia para a execución do proxecto “Renovación de Infraestruturas de Supercomputación e Almacenamento Permanente de Datos do CESGA (Finisterrae III)” cofinanciado por FEDER do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020.

A adquisición deste equipo finánciase nun 80% co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, a través do Programa Operativo FEDER Plurirrexional de España 2014-2020 ( POPE), no Eixo Prioritario 01 (Potenciar a investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación), na Prioridade de Investimento 1a (Mellora das infraestruturas de I+i e as capacidades para impulsar a excelencia en materia de I+i, e fomento dos centros de competencias, en particular os de interese europeo) e no Obxectivo Específico OE010102 (Fortalecemento das institucións de I+D e creación, consolidación e mellora das infraestruturas científicas e tecnolóxicas).