Participación récord na celebración da IX edición do día das rapazas nas TIC
- Na xornada participaron máis 1.150 alumnas e alumnos de primaria e secundaria.
- Destacou a directora de GAIN que o 50% dos postos de traballo que se crearán no próximo ano demandarán tecnoloxías da información e as comunicacións.
Hoxe, 22 de abril, celebrouse, a través da Plataforma Webinar do CESGA, e foi retransmitido en directo a través de Internet de 11 a 12:30 horas para escolares de primaria e secundaria de toda Galicia. Dará a benvida aos participantes a directora da Axencia Galega da Innovación (GAIN) e presidenta do CESGA, Patricia Argerey. A continuación, interveu a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e clausurou o acto o director do CESGA, Mauro Fernández Dabouza.
Este ano, debido á situación marcada pola pandemia, a actividade realizouse exclusivamente mediante multiconferencia web, na que participaron tanto as protagonistas invitadas como todos os centros interesados de primaria e secundaria.
Nesta novena edición bateuse récord de participación, coa participación de máis de 25 centros e máis de 1.150 alumnas e alumnos que cursan desde 5º de primaria a 2º de bacharelato (mapa interactivo dos centros). Esta celebración é unha gran oportunidade para coñecer a tecnólogas galegas que contan, en primeira persoa, o que a tecnoloxía pode aportar en diversos campos científicos e laborais para mellorar a vida da cidadanía. Coma tódolos anos, o alumnado non perdeu a oportunidade para realizar infinidade de preguntas e consultas sobre o seu traballo. Participaron catro mulleres excepcionais que traballan e investigan en ámbitos relacionados coas novas tecnoloxías, desde diferentes perspectivas:
– Beatriz Paz Santalla é enxeñeira de Telecomunicacións pola Universidade de Vigo, Máster en Seguridade da Información e Administración de Empresas, e co-fundadora da empresa GDI, empresa galega pioneira en ofrecer solucións de videoconferencia, telepresencia e mobilidade.
– Ana Freire é enxeñeira e doutora en Informática pola Universidade da Coruña. Actualmente é investigadora e docente na Universitat Pompeu Fabra (Barcelona), onde traballa aplicando a Intelixencia Artificial a diversas necesidades sociais como a saúde mental. É directora do Centro de Estudos de Sostibilidade da mesma universidade e lidera Wisibilízalas, un concurso internacional para romper estereotipos de xénero asociados a estudos científico-tecnolóxicos. Recibiu numerosos recoñecementos polo impacto social da súa investigación, entre os que destaca o Premio ao Talento Xove Feminino Investigador, outorgado pola Fundación Real Academia das Ciencias e o premio Ada Byron, outorgado pola Universidad de Deusto.
– Úrsula Martínez Álvarez é enxeñeira Aeroespacial, e está finalizando o Máster en Enxeñaría Areonáutica, especializada en vehículos espaciais. O seu traballo céntrase en proxectos sobre deseño, fabricación e ensaio de sistemas e experimentos no espazo. Desde fai once anos, forma parte do proxecto de educación ambiental Climántica.
– Verónica Bolón Canedo é doutora en Informática pola Univiersidade da Coruña, e investigadora centrada en Intelixencia Artificial, especialmente en aprendizaxe automática para Big Data. É responsable do nodo INSPIRA STEAM na Coruña.
Colaboración institucional para motivar ás novas xeracións
O Día Internacional das Rapazas nas TIC é unha efeméride de ámbito internacional para motivar ás novas xeracións de mozas e mozos a considerar as TIC para o desenvolvemento académico, investigador e profesional.
O evento conta coa colaboración da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Industria, Empresa e Innovación a través da Axencia Galega de Innovación, Secretaría Xeral de Igualdade da Consellería de Emprego e Igualdade, Consellería de Cultura, Educación e Universidades, Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Facultade de Ciencias da Educación, Woman Emprende e Oficina de Igualdade da Universidade de Santiago, Facultade de Informática da Universidade da Coruña (UDC), Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións da Universidade de Vigo (UVIGO), Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas de Galicia (AMIT-GAL), a Asociación Punto GAL e grupos de mulleres tecnólogas en Galicia como GalsTech e Hello Sisters!
Desde 2012, o CESGA lidera a organización desta iniciativa.
Máis información: