ABERTO A GRUPOS DE INVESTIGACIÓN O COMPUTADOR CUÁNTICO QMIO
— A nova infraestrutura QMIO priorizará o I+D+i galego que se faga nas universidades, nos centros de investigación, centros tecnolóxicos e empresas
— Un protocolo de acceso asignará os permisos en función do interese científico das propostas e fomentará a colaboración entre investigadores de Galicia e do resto do Estado co obxectivo de gañar relevancia científica e atraer talento a Galicia
— A iniciativa enmárcase no Polo de tecnoloxías cuánticas de Galicia, no que se levan investidos 30M€ e que suma unha trintena de empregos de alta cualificación
A Xunta pon á disposición do ecosistema de I+D+i, principalmente o galego pero tamén de toda España, o computador cuántico QMIO, situado no Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga). O obxectivo é situar Galicia á vangarda nesta tecnoloxía, aínda en pleno desenvolvemento, e que está a xerar un amplo interese no nivel internacional nestes momentos. Trátase do primeiro computador cuántico deste tipo instalado en España e o que conta con máis cúbits do sur de Europa instalado nunha institución pública.
Acceda aquí á 1ª Convocatoria de Acceso a QMIO: quantum.cesga.es
A nova infraestrutura, despregada por Fujitsu e en funcionamento desde outubro de 2023, estará aberta desde este mércores, día 15 de maio, á investigación e desenvolvemento que se faga nas universidades, nos centros de investigación, centros tecnolóxicos e empresas, tanto de Galicia como nacional. Darase acceso a través dun protocolo que fomenta a colaboración entre investigadores da nosa Comunidade e de toda España, co obxectivo de gañar relevancia científica e atraer talento. De feito, con carácter xeral, os centros de investigación nacionais terán acceso na medida en que colaboren con entidades de investigación galegas.
A maiores, resérvase unha pequena parte con fins formativos e xeración de talento, así como para uso do propio Centro de Supercomputación de Galicia, que na actualidade conta cun grupo de investigación en computación cuántica composto por 11 persoas.
A iniciativa enmárcase dentro do Polo de tecnoloxías cuánticas de Galicia, en que a Xunta e outras institucións levan executado un investimento de 30M€.
Aplicación en diversos ámbitos
Cómpre sinalar que as tecnoloxías cuánticas actuarán, a medio e longo prazo, como o elemento tecnolóxico disruptivo que acelerará o desenvolvemento económico en practicamente todos os sectores ao dar lugar a innumerables aplicacións e avances en medicina, intelixencia artificial, ambiente, biotecnoloxía, farmacoloxía, química, aeronáutica, automoción, loxística, telecomunicacións, finanzas, etc.
Como consecuencia, a computación cuántica permitirá descubrir novos medicamentos, deseñar novos materiais, descubrir novos procesos químicos, acelerar e reducir o consumo dos modelos de intelixencia artificial, optimizar os procesos de produción, e mellorar a eficiencia enerxética, entre outros aspectos. Como exemplo, no marco do proxecto Europeo Next Applications of Quantum Computing (NEASQC), no que o Cesga participa xunto coa Universidade da Coruña (UDC), xa se acadaron fitos como a creación de dous novos algoritmos financeiros e de diagnose de cancro.
Abrindo o acceso ao QMIO para actividades de I+D+i búscase situar a comunidade investigadora á vangarda nesta tecnoloxía emerxente e situar Galicia no liderado da investigación e innovación en tecnoloxías cuánticas da información nos próximos anos. De feito, as actuacións postas en marcha do Polo de tecnoloxías cuánticas xa xeraron unha trintena de empregos directos de alta cualificación en Galicia, e espérase un incremento nos próximos anos debido aos proxectos que captarán os investigadores.
Protocolo e tipos de acceso
O acceso ao QMIO será gratuíto e está destinado exclusivamente a actividades de I+D+i, reservando unha pequena parte para fins educativos dirixidos á xeración de talento en computación cuántica. Para organizar a explotación deste recurso, establécese un protocolo de acceso que asignará os permisos avaliando o seu interese científico, aínda que tamén se prevé o acceso directo a pequenos proxectos exploratorios en probas.
O protocolo establece catro tipos de acceso: a través da Rede española de supercomputación (RES), acceso aberto, acceso reservado para o Cesga e acceso con fins educativos. O primeiro deles canalizarase a través dos protocolos da Rede española de supercomputación (RES) da que o Cesga é un nodo. Neste caso, o Cesga achegará o 20% do tempo dispoñible do ordenador cuántico á RES, quen asignaría os recursos a través dos protocolos definidos para tal efecto na RES.
No caso do acceso aberto, canalizarase a través dos trámites e convocatorias abertos polo propio Cesga. Dentro do tipo de acceso libre distínguense dous tipos de actividades, as de curto alcance (pequenos proxectos exploratorios ou probas) e as de medio e longo alcance (proxectos con necesidades grandes de recursos priorizados, con fins científicos específicos e preparados para a súa execución inmediata).
O terceiro tipo de acceso está reservado para o persoal do Cesga, para proxectos en que participe o centro e para convenios específicos de colaboración con fins de investigación ou desenvolvemento tecnolóxico con outras institucións. Tamén se inclúen nesta categoría os proxectos de carácter estratéxico que considere.
Finalmente, o protocolo prevé o acceso para actividades educativas de universidades galegas, centros de investigación galegos ou o CSIC, onde se dará prioridade a iniciativas que forman parte dos traballos de fin de grao e fin de mestrado.
Acceda aquí á 1ª Convocatoria de Acceso a QMIO: quantum.cesga.es