A Xunta almacenará no Centro de Supercomputación de Galicia os datos de preto de 30.000 análises xenómicas de pacientes que realiza ao ano
O Goberno galego aprobou este ano un contrato-programa coa Fundación Galega de Medicina Xenómica de 14 millóns de euros en dous anos, orzamento que abarca a realización de análises xenéticas
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destaca a colaboración entre a Fundación Pública de Medicina Xenómica e o Cesga, que se estende ao longo de máis de dez anos.
A Xunta almacenará no Centro de Supercomputación de Galicia os datos de preto de 30.000 análises xenómicas de pacientes que realiza ao ano. Este dato quedou reflectido na presentación, hoxe pola mañá, do novo convenio de colaboración entre a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e o Centro de Supercomputación de Galicia, acto ao que acudiu o conselleiro de Sanidade, e ao que tamén asistiu o director da Fundación, Ángel Carracedo, ademais de Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación; e de Lois Orosa, director do Cesga.
O responsable da carteira sanitaria destacou os resultados da colaboración entre a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e o Centro de Supercomputación de Galicia, que se estende ao longo de máis de dez anos.
Os datos reflicten que a Fundación posúe unha das infraestruturas de secuenciación de xenoma completo e xenotipado máis importantes do Estado, o que lle permite atender máis de 30.000 pacientes cada ano.
Sanidade considera fundamental traballar no desenvolvemento da medicina de precisión e, por iso, o Sergas deu un paso máis e desenvolveu unha estratexia de medicina personalizada e terapias celulares, iniciativa vencellada á Estratexia galega en Enfermidades Raras.
O Goberno galego tamén aposta pola realización de análises xenéticas e, ao respecto, a Xunta investirá 14 millóns de euros en dous anos, asegurando un acceso ao diagnóstico xenético dos doentes, así como das familias con sospeita de enfermidade de base xenética, co fin de que sexa efectivo e áxil, en condicións de equidade e calidade científico-técnica, e segundo criterios de accesibilidade, universalidade, homoxeneización e coordinación.
O que se busca dende o Sergas é consolidar a atención a estes pacientes, cunha prestación de servizos que acolle diversos aspectos, entre os que está, a transmisión de información de xeito claro e comprensible, tanto do risco de recorrencia da enfermidade, como das consecuencias para o paciente e a súa descendencia; así como das posibilidades de prevención.
Sanidade é consciente do incremento da demanda asistencial e do impacto da medicina na práctica clínica e, por iso, a Xunta duplicou o orzamento para esta fundación nesta lexislatura, pasando dos 3,4 millóns de euros transferidos no 2020 ata os 7 do presente ano.
Liñas prioritarias
O Executivo galego incide na súa confianza na Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica para colaborar nas liñas prioritarias da súa política sanitaria, destacando a participación activa no Plan de Saúde Mental de Galicia, coa elaboración dun estudo a través da análise farmacoxenética de pacientes a tratamento con determinados fármacos, o que contribuirá a axustar doses e evitar reaccións adversas.
Para levar a cabo todas estas accións, resulta fundamental dispoñer dun soporte informático axeitado e dun centro de cálculo de altas prestacións, servizos aos que se pode ter acceso grazas ao Cesga.
Xunto ao anterior, Sanidade remarca que o feito de que o director da fundación, o doutor Carracedo, sexa á vez o coordinador do eixo de medicina xenómica da infraestrutura IMPaCT2, sitúa a Galicia nunha posición privilexiada para xogar un papel protagonista no desenvolvemento da medicina personalizada de precisión en España.
Dende o CESGA levamos xa máis de 15 anos traballando xuntos coa Fundación Xenómica e para o Centro de Supercomputación de Galicia, é un orgullo levar tantos anos axudando, ainda que só sexa un pouquiño, a que a Fundación Publica Galega de Medicina Xenómica teña un impacto tan grande na nosa sociedade, tanto no ámbito académico e científico, a nivel mundial, como directamente na mellora da saude de todas as galegas e galegos, a través da investigación clínica aplicada.
A misión do CESGA é contribuir ao avance da Ciencia e a Técnica para o beneficio da Sociedade, o que se aliña á perfección coa colaboración entre o CESGA e a FPGMX. A Fundación Xenómica é unha referencia, e ten un grande impacto na ciencia, a nivel global, como demostran os seus artigos científicos amplamente citados por investigadores de todo o mundo, publicados en revistas punteiras como poden ser Science ou Nature. Pero tamén é unha referencia no translado á sociedade dese coñecemento, como demostra a atención a 30.000 pacientes ao ano, moitos deles requerindo secuenciación xenética.
Dende o CESGA tratamos de apoiar estas análises e investigacións, tanto cedendo as nosas máquinas para realizar todos os cómputos e almacenamento necesarios, como moitas veces facendo labores de asesoramento para algúns grupos de investigación que o precisan.
Mirando cara o futuro, no CESGA temos claro que temas de investigación como a xenómica e a medicina personalizada cobrarán unha relevancia moi significativa, polo seu impacto positivo e directo na sociedade, e creemos que a Fundación xenómica será un un grupo de referencia neste eido, pero tamén esperamos que outros grupos do ecosistema galego sexan moi relevantes. O CESGA quere estar aí para axudar a que Galicia siga sendo unha referencia neste campo. Recentemente, o CESGA ampliou as súas capacidades de cómputo co Finisterrae 3, e tamén a súa capacidade de almacenamento, o que esperamos que teña un beneficio directo nas capacidades das investigadoras e investigadores que usan os nosos recursos.
O CESGA, quere seguir ampliando as súas capacidades para poder atender esta demanda crecente, e quere tamén poder contribuir dunha maneira máis fundamental, aportando coñecemento e apoio na área na que nós somos expertos, que é a computación, o almacenamento, e o análise de datos. O CESGA pode contribuir en temas como a mellora do análise de datos con mecanismos de Intelixencia Artificial, optimización de códigos para obter resultados en tempos moito mais baixos, ou propostas de arquitecturas Hardware a medida, para un procesamento ainda mais eficiente dos datos.