CONFERENCIA
O CSIC e o CESGA no Exipto faraónico
Principais achados das escavacións na necrópole tebana (Luxor, Exipto)
Que raios pinta un centro de supercomputación galego nun xacemento arqueolóxico exipcio de hai 3.500 anos?
José Manuel Galán
Exiptólogo e director do proxecto Djehuty (CSIC)
Emilio Abad
Técnico e arqueólogo (CESGA)
Xoves, 21 de Marzo. 18:00h.
Misión Biolóxica de Galicia en Santiago de Compostela
(Antigo Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia-CSIC)
Avda. de Vigo, s/n (Campus Sur)
Localización
O PROXECTO DJEHUTY (https://proyectodjehuty.com) ten como obxectivo principal a escavación, restauración, publicación científica e divulgación dun conxunto de monumentos funerarios e enterramentos, no outeiro de Dra Abu el-Naga, no extremo norte da necrópole da antiga cidade de Tebas, hoxe Luxor.
Djehuty foi un alto funcionario, ao servizo do tesouro da raíña Hatshepsut, a primeira muller faraón a principios da dinastia XVIII.
O proxecto comezou en 2001 centrado en dous monumentos funerarios rupestres decorados en relevo, en torno ao ano 1500 a. C., tumbas-capela de Djehuty e de Hery. A escavación ao redor destas sacou á luz enterramentos dende o ano 2000 a. C. ata época romana, podéndose documentar a evolución das prácticas funerarias e estilos artísticos, pero tamén aspectos da vida cotiá e da cultura dos antigos exipcios. O xacemento converteuse así nunha pequena xanela para observar e analizar a evolución da necrópole e da sociedade da antiga Tebas.
O principal asentamento esténdese na beira oriental do Nilo, ao redor dos templos de Karnak ao norte e de Luxor ao sur, separados un doutro por uns tres quilómetros, a necrópole sitúase na beira occidental. O outeiro de Dra Abu el-Naga elévase xusto en fronte do templo de Amón-Ra en Karnak, o santuario máis importante do momento en Tebas. A súa localización debeu dotar ao outeiro dun marcado simbolismo funerario, ao percibir como o sol que se elevaba pola mañá entre os obeliscos e pilonos de Karnak, ocultábase no solpor tras o outeiro de Dra Abu el-Naga. Por esta e outras razóns, Dra Abu el-Naga converteuse nun lugar idóneo para que altos dignatarios con recursos construísen na súa ladeira as súas moradas para a eternidade.
A extensión do xacemento (10.000 m²), así como as numerosas estruturas talladas na roca do outeiro ou construídas en adobe, e a numerosa e variada cultura material que foi saíndo á luz nas sucesivas campañas de escavación (23 ata hoxe), fai que a xestión dos datos sexa unha tarefa fundamental para a boa marcha do proxecto. A xeorreferenciación de toda a documentación xerada ofrece, ademais, unhas enormes posibilidades para a investigación científica e, en definitiva, para a compresión do xacemento e a súa evolución ao longo do tempo. Así, a colaboración CSIC–CESGA é agora clave para o desenvolvemento do Proxecto Djehuty.
Dende hai 5 anos CESGA achega ao Proxecto Djehuty ferramentas tecnolóxicas para o rexistro e curación dos datos derivados da escavación así como o almacenamento e custodia do coñecemento xerado.