O día 27 de abril de 2023 é o Día Internacional das Rapazas nas TIC (Girls in ICT Day). Esta é unha celebración a nivel internacional, promovida pola ITU, e orientada a motivar ás novas xeracións de mozas para que consideren o ámbito das TIC para o seu desenvolvemento académico, investigador e profesional.

O CESGA é pioneiro no eido na preocupación pola situación de desigualdade de xénero no sector das TIC na nosa contorna, promovendo e liderando un proxecto europeo de innovación educativa no ano 2012 (ICT-Go-Girls!), e celebrando, dende o 2013, un evento para visibilizar e animar ás novas xeracións, en especial ás rapazas, sobre a diversidade e posibilidades de desenvolvemento profesional e educativo no eido tecnolóxico.

O próximo xoves, día 27 de abril, celebrarmos o Día das Rapazas nas TIC no CESGA, dirixido a rapazas e rapaces do último ciclo de primaria e secundaria, con diversas actividades:

Pola mañá, cun coloquio mediante multiconferencia web na que participarán 4 profesionais galegas que traballan a diario coas tecnoloxías, que contarán, dun xeito ameno e polo miúdo oa súa traxectoria, no que traballan, e o que a tecnoloxía pode aportar en diversos campos para mellorar a vida de tod@s. Dende os centros escolares de primaria e secundaria, rapazas e rapaces poderán enviarlles  as súas preguntas e inquedanzas en directo para poder ter ese diálogo directo con elas.

Pola tarde, teremos varios obradoiros e actividades dirixidos a rapazas e rapaces de entre 10 a 16 anos no CESGA, ademáis de visitas adaptadas ao noso superordenador FinisTerrae III.

Toda a información relativa ao evento pode atoparse na páxina https://e-learning.cesga.es/ictgogirls/.

Organiza

Centro de Supercomputación de Galicia (dependente de GAIN e CSIC), Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e Colexio Profesional de Enxeñaría Informática (CPEIG).

Colabora

–    Xunta de Galicia. Consellería de Educación, Universidade e FP, AMTEGA.
–    Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas, sección Galicia (AMIT-Gal).
–    CITIC. Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (UDC).
–    Asociación .GAL.
–    Facultade de Ciencias da Educación, Woman Emprende  e a Oficiña de Igualdade da USC.
–    Facultade de Informática da UDC.
–    Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo.
–    GalsTech, Hello Sisters!.