FFEuroHPC: Conectando empresas e tecnoloxías de vangarda
O proxecto FF4EuroHPC comezou a principios de setembro de 2020. Como parte do Esforzo Común JU EuroHPC, baixo os auspicios do programa Horizonte 2020 da Comisión Europea, concedeuse unha subvención de 9,9 millóns de euros para iniciar un novo consorcio europeo, chamado FF4EuroHPC.
O Centro de Supercomputación de Galicia, CESGA, participa neste consorcio. O concepto clave tras FF4EuroHPC é demostrar ás peme europeas formas de optimizar o seu rendemento co uso de servizos avanzados de HPC (Computación de Altas Prestacións) por exemplo: modelado e simulación, análise de datos, aprendizaxe automática e intelixencia artificial, e posiblemente combinacións dos mesmos e aproveitar deste xeito estas innovadoras solucións de TIC para beneficio empresarial.
O proxecto organiza convocatorias abertas dirixidas a financiar experimentos da máis alta calidade, que involucren a peme innovadoras e áxiles con plans de traballo construídos ao redor de obxectivos de innovación, derivados do uso de servizos avanzados de HPC. Os experimentos representan o corazón do proxecto e serán os principais resultados de FF4EuroHPC.
A primeira convocatoria, cun orzamento de 3 millóns de euros, abriu o 2 de novembro de 2020 e pechou o 27 de xaneiro de 2021.
As propostas seleccionadas iniciarán actividade en xuño e obterán un financiamento de ata 200.000 € cada unha para a súa execución en 15 meses.
En total, nesta convocatoria, optan a financiamento 68 propostas de experiencias empresariais que involucran a máis de 150 organizacións de 25 países.
Destas, CESGA participou na elaboración de 9 propostas nas que colaboran máis de 20 empresas e institucións de investigación galegas que aspiran a obter financiamento por un total de 1.692.512€.
Os experimentos que finalmente obteñan financiamento haberán de xerar historias de éxito publicables baseadas na solución dos problemas do mundo real da peme que identifican claramente os beneficios comerciais producidos ou obtidos.
Máis información:
FF4EuroHPC
Este proxecto recibiu financiamento do Esforzo Común Europeo de Computación de Altas Prestacións (EuroHPC JU) en virtude do acordo de subvención nº 951745. EuroHPC JU recibe apoio do programa de investigación e innovación Horizonte 2020 da Unión Europea e de Alemaña, Italia, Eslovenia, Francia e España.