GALICIA AVANZA NO DESENVOLVEMENTO DO POLO DE TECNOLOXÍAS CUÁNTICAS, QUE XA SUMA INVESTIMENTOS POR VALOR DE 34 M€
Esta iniciativa incorporou preto de 5,5 millóns de euros para ampliar o convenio de colaboración entre a Xunta e o Cesga, albergar un simulador de ordenadores cuánticos e participar no programa formativo de computación cuántica talentQ.
O Goberno galego pretende conseguir con este polo –que terá unha das súas sedes principais no Cesga de Santiago de Compostela– un impulso disruptivo das tecnoloxías cuánticas en computación e comunicacións para mellorar o coñecemento, avanzar na transformación dixital e consolidar a economía.
O Consello da Xunta avaliou na súa reunión desta mañá a evolución do proxecto para implantar en Galicia o polo de tecnoloxías cuánticas, que terá en Santiago de Compostela e, en concreto, no Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) unha das súas sedes principais.
Esta iniciativa, que supón unha oportunidade para que a I+D+i contribúa á recuperación sustentable e dixital, incrementou en preto de 5,5 millóns os investimentos mobilizados –a través de fondos propios da Xunta de Galicia e de fondos europeos–. Deste xeito, o polo de tecnoloxías cuánticas conta xa con 34 M€. En concreto, increméntase en 3,4 millóns o investimento previsto no convenio de colaboración entre a Xunta e o Cesga, que deste xeito acada os 15 millóns de euros para o despregamento dunha infraestrutura baseada en tecnoloxías cuánticas da información.
Ademais, tamén se sumaron 500.000 euros dentro do programa Quantum da Estratexia nacional de intelixencia artificial (ENIA) no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia. O Cesga é un dos centros elixidos para albergar un simulador de ordenadores cuánticos co obxectivo de poñer á disposición da comunidade investigadora equipamento de altas prestacións e crear un servizo de acceso remoto na nube e desenvolver librarías de algoritmos cuánticos útiles para a súa aplicación a problemas reais de empresas e entidades públicas.
Este incremento nas partidas do polo compleméntase cun orzamento de 1,5 M€, correspondente ao Programa de formación de computación cuántica talentQ, que se formalizará mediante un convenio entre a Universidade de Santiago de Compostela e o Barcelona Supercomputing Center.
A maiores destes proxectos, cómpre lembrar que no marco do Polo de tecnoloxías cuánticas tamén se inclúe o novo superordenador Finisterrae III, apoiado pola Xunta e o CSIC con 7 millóns de euros e con capacidade para realizar 4000 billóns de operacións matemáticas por segundo; o Plan complementario de I+D+i en comunicacións cuánticas, no cal Galicia contará cun orzamento de 9,6 millóns de euros (3,4 de fondos da Xunta) para construír sinerxías territoriais e establecer prioridades comúns de cara á transformación dixital; así como 280.000 euros do proxecto NEASQ, financiado dentro do programa marco Horizonte 2020.
Candidatura galega aos Next Generation
Galicia aspira a contar cun orzamento público-privado estimado de 154 millóns de euros para o desenvolvemento de todas as iniciativas vinculadas a este polo, para o cal será necesario obter financiamento dos fondos europeos Next Generation e, deste xeito, promover esta iniciativa, que pretende conseguir un impulso disruptivo das tecnoloxías cuánticas en computación e comunicacións, é dicir, para mellorar o coñecemento, avanzar na transformación dixital e consolidar a economía. Por este motivo, Galicia precisa unha colaboración efectiva do Goberno central, responsable da selección de proxectos e posterior repartición destes fondos europeos de recuperación.
O Polo de tecnoloxías cuánticas apoiarase en catro piares: o mundo académico, atraendo talento e formando os profesionais do futuro; os centros de I+D+i, que xerarán novo coñecemento, así como produtos e servizos baseados en tecnoloxías cuánticas; o tecido empresarial, co cal se traballará no impulso da innovación e uso destas tecnoloxías; e a sociedade, que se beneficiará destes novos servizos.