Instalan unha gardería de organismos mariños no Aquarium Finisterrae. Avalían o uso de realidade virtual e realidade aumentada na educación.

Trátase dun BioHut, ou aparello para favorecer o crecemento de invertebrados e pequenos peixes en augas costeiras. Está formado por un sistema de gaiolas e un núcleo de pedra volcánica no que poden atopar acubillo larvas e pequenos organismos que chegan ao Aquarium procedentes da captación de auga situada na baía coruñesa. Quedará instalado no Piscinarium onde habitan as focas, e periódicamente se gravarán videos para estudar o proceso de colonización natural.

A iniciativa forma parte das actividades previstas no proxecto europeo Ocean Connections: Developing Ocean Literacy through Creative Digital Pedagogies, no que o Aquarium participa xunto ao CPI O Cruce de Cerceda, o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e varias escolas, acuarios e universidades do Reino Unido e Dinamarca.

Entre as actividades desenvolvidas neste proxecto está a avaliación do uso de técnicas de realidade virtual e realidade aumentada, así como das pedagoxías creativas na educación sobre o medio mariño nas escolas.

O CESGA participou nesta actividade desenvolvendo unha innovadora contorna de aprendizaxe colaborativa baseada en realidade virtual inmersiva 360º.

A participación neste proxecto enriqueceu o currículo dos alumnos do CPI O Cruce, potenciando a innovación educativa e facilitando á comunidade educativa a oportunidade de compartir con centros doutros países a experencia de traballar con tecnoloxías inmersivas.

 

Máis información:

https://www.ocean-connections.net/es/