O padroado do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) do pasado día 3 de outubro aprobou por unanimidade o nomeamento do novo director-xerente do centro, en substitución de Javier García Tobío, xubilado recentemente.
O novo director do centro é Mauro Fernández Dabouza, técnico superior diplomado en Informática da Xunta (antigo analista-programador) que posúe o diploma do Curso Superior en Dirección de Sistemas e Tecnoloxías da Información (FEGAS) e pertence á Escala Técnica Auxiliar de Informática e ao Corpo Administrativo da Xunta. Ocupou diversos postos na Administración Pública e nos últimos nove anos, dende xuño de 2009, exerceu de director xeral do Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (CIXTEC) da Consellería de Facenda.
Entre as funcións que desempeñou como director do CIXTEC figuran: propoñer as liñas estratéxicas de actuación e o programa anual, a elaboración dos orzamentos, memoria e balance, elaborar a proposta de estrutura e dotación de persoal. Durante dous anos, desempeñou o cargo de consultor independente na Consellería de Sanidade da Comunidade de Madrid na planificación da informatización de sete hospitais madrileños.
Así mesmo, durante doce anos, de 1995 a 2007, ocupou a xefatura de sección do Centro de Servizos Tecnolóxicos do Sergas, planificando e coordinando as iniciativas TIC da Consellería de Sanidade e do Sergas. E, con anterioridade, dende 1989 ata 1995, traballou como técnico de sistemas no centro de proceso de datos da Xunta. Ademais, achega unha experiencia de tres anos na empresa privada e realizou relatorios e presentacións en congresos sobre temáticas como a transformación dixital das administracións públicas ou as aplicacións tecnolóxicas para o sector sanitario.