O CESGA participa nun proxecto de Xeración do Coñecemento do Plan Estatal de Investigación Científica e Técnica de Innovación 2021-23 do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades denominado “O Metaverso: a Realidade Estendida (Virtual e Aumentada) na educación superior: Deseño, Produción, Avaliación e Formación de programas de realidade estendida para o ensino universitario (MEREVIA)”. Este proxecto está liderado polos doutores Mª del Carmen Llorente e Julio Cabero Almenara, da Universidade de Sevilla, referencias internacionais no campo da investigación en Tecnoloxía Educativa.
O seu obxectivo é deseñar, producir e avaliar contidos educativos en Realidade Estendida (RE) para mellorar o rendemento, motivación, a satisfacción e a carga cognitiva dos estudantes universitarios en distintas áreas curriculares, así como capacitar e acompañar ao profesorado universitario no uso pedagóxico da RE e crear unha comunidade virtual de intercambio e colaboración sobre esta temática. Para maior información, ver a súa páxina web: https://merevia.es/
O CESGA leva traballando na análise e deseño de solucións educativas en RE (Realidade Estendida) desde o ano 2018, no que no marco do proxecto europeo Ocean Connections (https://www.cesga.es/portfolio-items/developing-ocean-literacy/) deseñouse e desenvolveu unha contorna inmersiva de aprendizaxe baseada en 360VR. Desde entón, dentro da súa liña de traballo de tecnoloxía educativa, continúa traballando na definición e desenvolvemento de propostas de Realidade Estendida (RE) e contornas inmersivas para formación en https://espazos.cesga.es/
Recentemente tamén o CESGA desenvolveu, coa axuda da empresa Kendra, unha App de RA/RV para mellorar a comprensión do computador cuántico aloxado no centro, Qmio. (+ info https://www.cesga.es/en/new-app-qmio-in-ar/)