AUGAS DE GALICIA e CESGA colaboran na predición de inundacións.
Augas de Galicia e o Centro de Supercomputación de Galicia colaborarán para aumentar a capacidade de predición do risco de inundacións da demarcación hidrográfica Galicia-Costa.
A implantación en modo “piloto” da nova ferramenta de alerta temperá ‘Merlín’ acreditou a súa eficacia para predicir de forma continua, automática e en tempo real o risco de asolagamento nas bacías dos ríos.
A colaboración co CESGA permitirá optimizar o novo sistema mediante a realización de cálculos intensivos dos datos hidrográficos, aumentando a precisión das predicións do risco que realiza Augas de Galicia.
A ferramenta ‘Merlín’, desenvolvida en colaboración coa Universidade da Coruña, mellora o anterior sistema, baseado na estimación de caudais, ao predicir as inundacións en función dos datos de lámina de auga.
O sistema incorpora tamén datos de novas fontes de información hidro-meteorolóxica, como observacións de satélites ou radar meteorolóxico, e desenvolveu unha aplicación web para visualizar as predicións de forma sinxela.
Galicia continúa á vangarda da predición do risco de inundacións logo de poñer en marcha no ano 2004 o sistema ‘Artemis’.
O Consello da Xunta autorizou o 18 de novembro de 2021 a colaboración entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, e a Fundación Pública Galega Centro Tecnolóxico de Supercomputación de Galicia (CESGA), en materia de cálculo intensivo do sistema ‘Merlín’ de alerta temperá para a predición de risco de inundacións nos ríos da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa.
Este acordo ten por finalidade incrementar a capacidade de predicir de forma temperá o risco de inundación nas bacías dos ríos da Demarcación Galicia-Costa, de competencia da Administración autonómica, para optimizar así o funcionamento do sistema punteiro ‘Merlín’.
Tras ser pioneira desde o ano 2004 coa posta en marcha do sistema ‘Artemis’, Augas de Galicia traballa agora na implantación do sistema ‘Merlín’, que supón un grande avance na predición e na xestión dos riscos de inundacións no ámbito xeral e zonal, cun alto nivel de precisión e fiabilidade.
O proxecto ‘Merlín’ xorde da colaboración iniciada en 2019 entre Augas de Galicia e a Universidade da Coruña para a revisión do sistema ‘Artemis’, que permitiu desenvolver de forma piloto o sistema ‘Merlín’ nas concas dos ríos Cee, Grova, Landro e Verdugo-Oitavén.
A constatación de que o novo sistema aumenta a eficacia na predición dos fenómenos de asolagamento, motivou a súa implantación nas citadas concas e darlle continuidade a esta cooperación para estender o sistema ‘Merlín’ ás 21 concas de Galicia-Costa e ás 10 novas áreas con potencial risco significativo de inundación.
As ferramentas de alerta temperá son indispensables para predicir os fenómenos de asolagamento con antelación suficiente para adoptar, de forma coordinada con Protección Civil e as distintas administracións competentes, as medidas necesarias para minimizar os riscos.
O sistema ‘Merlín’ posibilita aumentar a eficacia na predición dos fenómenos de asolagamento, xa que, mentres que ‘Artemis’ se baseaba na estimación de caudais, a nova ferramenta realiza predicións de inundacións a partir dos datos da lámina de auga dos ríos.
O sistema incorpora tamén datos de novas fontes de información hidro-meteorolóxica, como observacións de satélites, radar meteorolóxico, etc., e desenvolveu unha aplicación web para visualizar as predicións de forma sinxela a que poden acceder os diferentes axentes implicados.
A colaboración co CESGA autorizada hoxe permitirá optimizar o novo sistema mediante a realización de cálculos intensivos dos datos hidrográficos, aumentando a precisión das predicións do risco que realiza Augas de Galicia.
Deste xeito, grazas ao sistema ‘Merlín’, Augas de Galicia pode predicir con maior precisión, de forma continua, automática e en tempo real o risco dun determinado punto e identificar con maior precisión as zonas máis vulnerables.
As predicións permitirán facer unha caracterización máis precisa do impacto dunha crecida, son máis fiables e teñen en conta o efecto da marea na extensión dun asolagamento, o que é moi importante nas zonas costeiras, en que se concentra a maior parte da poboación.
Ademais, desenvolve unha aplicación web en que se poderán visualizar esas predicións, o que fará posible trasladar a información en tempo real a todos axentes involucrados na actuación en caso de risco de inundación.
Segundo o convenio autorizado hoxe polo Executivo autonómico Augas de Galicia proporcionará á Fundación CESGA os códigos e actualizacións das aplicacións do sistema ‘Merlín’ , para o que achegara un orzamento estimado de máis de 56.000 euros.
Pola súa banda, o CESGA proporcionará o soporte necesario para o mantemento e almacenamento e actualización do sistema ‘Merlín’ nas instalacións do Centro de Supercomputación de Galicia.
O acordo terá vixencia ata finais de 2025, podendo ser prorrogado.
Máis información:
https://ruc.udc.es/dspace/bitstream/handle/2183/28676/Fraga_MERLIN_IngAgua_25-3_2021.pdf?sequence=3