A xunta mellora os servizos do cesga ao multiplicar por cinco a capacidade dos seus servidores de datos
O Goberno galego participa no financiamento do novo equipo de última xeración que permitirá ao Centro de Supercomputación de Galicia contar cun novo equipo de 1,54 millóns de xigabites
A tecnoloxía instalada acelerará os avances na investigación en novos materiais e fármacos, en cancro, en medicina personalizada e investigación xenómica, e permitirá incrementar a resolución dos modelos meteorolóxicos, oceanográficos e climáticos
O Cesga poderá así responder mellor ás demandas dos grupos de investigación e ás pemes innovadoras
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, reforza os servizos ligados a grandes volumes de datos do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) cun novo servidor de 1,54 millóns de xigabites.
O novo sistema aporta grande capacidade, velocidade de acceso, e flexibilidade na xestión dos datos. Trátase dun sistema especialmente deseñado para facilitar un acceso inmediato á información almacenada. Así, o Cesga multiplica case que por cinco a capacidade bruta total nos servidores especificamente destinados a almacenamento de datos ao dispor da comunidade científica e tecnolóxica usuaria do centro.
O novo equipamento, cofinanciado con fondos Feder, foi adquirido a Fujitsu e producido polos actuais líderes mundiais en almacenamento de datos, NetApp, e supuxo un investimento de 500.000 euros.
O equipo atópase neste momento na fase final de configuración e probas e entrará a prestar servizo para a comunidade usuaria a principios do vindeiro mes de decembro. Neste sentido, permitirá a investigadores de institucións e empresas explotar máis eficientemente os inmensos conxuntos de datos cos que traballan, xa que poderán acceder, procesar, manexar, explorar, ou comparar maiores cantidades de datos a grande velocidade. Só ao longo deste ano Cesga rexistrou máis de 50 grupos de usuarios traballando intensivamente con grandes volumes de datos.
Entre as entidades que se beneficairán deste sistema atopamos á Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, dependente do Sergas e dirixida por Ángel Carracedo, que precisa ampliar as súas capacidades de traballo con datos para dar resposta ás crecentes demandas impostas polos avances en medicina personalizada.
O servizo de predición meteorolóxica galego, MeteoGalicia, ou o servizo europeo de predicións de estado do mar, Copernicus, liderado en España por Puertos del Estado, tamén precisan capacidade para poder incrementar a resolución dos seus modelos e poder así mellorar a fiabilidade das súas predicións.
Investigadores galegos que participan na redacción dos informes do Panel Intergubernamental de Cambio Climático, como Juan Añel da Universidade de Vigo, tamén precisan manexar con axilidade maiores conxuntos de datos para testar e interrogar axeitadamente os modelos cos que traballan.
Pequenas empresas que medran a gran ritmo e que traballan na punta de lanza da innovación en Galicia, como a coruñesa Health in Code, especializada en prover servizos de xenética médica, tamén necesitan acceder de modo flexible a recursos especiais para seren quen de responder a picos de traballo.
Os centros do Instituto Español de Oceanografía (IEO) en Galicia contan con grupos de investigación que fan uso de complexos modelos oceanográficos nos que incorporan parámetros físicos e bioxeoquímicos para determinar o estado e predicir as dínamicas dos recursos mariños.
Grupos adicados a seguridade alimentaria e a mellora xenética animal e forestal do Instituto Nacional de Tecnología Agraria y Alimentaria (INIA) esperan dispor de servizos como os que prestará o Cesga con esta infraestrutura para acelerar a sua produción de resultados.
De igual xeito, resultará imprescindible para dar alas a proxectos de centros tecnolóxicos e de empresas da contorna de tres clústeres en Galicia; o Clúster Tecnolóxico Empresarial de Ciencias da Vida (Bioga), o Clúster Audiovisual Galego (CLAG), e o Clúster TIC Galicia.