Tódolos servizos se mantiveron plenamente activos durante a declaración do estado de alarma
O Centro de Supercomputación de Galicia mobilizou tódolos seus recursos para permitir á comunidade científica facer fronte á ameaza mentres poñía a salvo aos seus traballadores.
No pasado mes de marzo, o CESGA actuou como consecuencia da evolución da pandemia COVID-19 e das normativas polas que se declarou o estado de alarma e conscientes de que o acceso ás infraestruturas de cómputo, almacenamento e comunicacións que CESGA xestiona resultan críticas, máxime para aqueles centros que nalgún momento precisasen realizar traballos de investigación directamente relacionados coa nova ameaza global.
Así, o 16 de marzo, o CESGA adoptou unha serie de medidas que anunciou a través da súa páxina web e vía correo electrónico a tódolos seus usuarios. Todas estas medidas estaban orientadas tanto a protexer a saúde dos seus traballadores, como a manter activos e enteiramente operacionais os seus servizos.
Todo o persoal técnico e de soporte continuou dispoñible e operativo en modalidade de teletraballo desde os seus domicilios, dispostos a continuar prestando servizos para satisfacer as demandas da comunidade usuaria.
Durante esta etapa, os usuarios puideron seguir contactando co persoal do CESGA con total normalidade a través do correo electrónico e do teléfono. O sistema de telefonía do Centro quedou habilitado para desviar as chamadas aos domicilios do persoal. Caso de non conseguir contactar telefonicamente, o sistema está igualmente preparado para despachar mensaxes de voz vía correo electrónico ao técnico asociado á extensión do teléfono á que se chamase.
Tódolos traballos relacionados coa loita co COVID-19 foron priorizados
O 20 de marzo, en consonancia coas das distintas convocatorias de proxectos científicos e de innovación que se fixeron para a loita contra a pandemia, o CESGA priorizou os proxectos e traballos de usuarios e usuarias contra o COVID-19. Así, entendendo que as infraestruturas de cómputo e almacenamento que CESGA xestiona resultan críticas, especialmente para aqueles usuarios e usuarias cuxa investigación está directamente relacionada co coronavirus CESGA comunicou á comunidade usuaria como proceder para conseguir que os seus traballos viran tempos máis curtos á solución e non tiveran que esperar nas colas de acceso ás máquinas de cómputo.
Habilitáronse os medios técnicos necesarios para que os investigadores e investigadoras confinados nos seus domicilios puideran acceder aos recursos con normalidade e continuar traballando contra as máquinas de cómputo e almacenamento.
O CESGA tomou esta determinación convencido de que as solucións tanto á actual situación socio-sanitaria como a mellora das condicións socio-económicas que ten causado só serán posibles grazas a investigación o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación.
Usuarios en acción contra o COVID-19
Así, cando o 20 de marzo se enviou unha comunicación a totalidade de usuarios e usuarias do CESGA anunciándolles a posibilidade de acelerar os resultados dos seus traballos se estes estaban relacionados coa loita contra a pandemia, a resposta foi inmediata. Diversos grupos de investigación contactaron coa equipa técnica do CESGA para expoñer os problemas que estaban abordando e para explorar as posibilidades de redución de tempos para resolver os mesmos. A continuación presentamos algúns dos grupos de investigación e proxectos de usuarios que se están a beneficiar dos recursos dispoñibles no CESGA.
O grupo de investigación dirixido por Nuria Verdaguer Massana do Institut de Biología Molecular de Barcelona, un dos centros de Excelencia María de Maeztú do Consello Superior de Investigacións Científicas utiliza as aplicacións Rosetta e GROMACS para realizar cálculos de pregamento de proteínas tratando de comprender mellor o funcionamento de distintas combinacións de antivirais fronte ao SARS-CoV-2.
O grupo liderado por Jordi Faraudo Gener do departamento de Teoría e Simulación de Materials do Institut de Ciencia de Materials de Barcelona do Consello Superior de Investigacións Científicas recorreron a FinisTerrae para executar unha serie de simulacións relativas ao COVID-19, en particular estudiar mediante dinámica molecular a interacción entre a cobertura do coronavirus SARS-CoV-2 e superficies de diversos materiais. Esto é especialmente relevante para aspectos de transmisión da doenza ou tamén a desinfección.
O xenetista Óscar González Recio do Instituto Nacional de Investigación y Tecnología Agraria y Alimentaria, organismo público de investigación dependente do Ministerio de Ciencia e Innovación, solicitou prioridade para traballos ligados a unha proba de concepto para a preparación dun proxecto ligado á COVID-19.
O grupo de investigación que dirixe Concepción González Bello do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da Universidade de Santiago de Compostela tamén solicitou prioridade para a execución das suas simulacións relacionadas co coronavirus.
A investigadora Paula Saavedra Nieves do departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela tamén recorreu aos servidores CESGA para acelerar a resolución de múltiples modelos de simulación con decenas de combinacións posibles dos parámetros.
O grupo de Jorge Mira Pérez da Universidade de Santiago de Compostela accedeu aos servidores para executar predicións dinámicas de escenarios de afectación por COVID-19. Este traballo trata de predicir a evolución da expansión e incidencia da COVID-19, solventando os principais problemas cos que se están enfrontando os modelos coñecidos: a discutida fiabilidade dos datos dispoñibles, tanto por dificultades nos mecanismos de detección como por unha probable abundancia de infectados asintomáticos.
José Santos Reyes do departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información da Universidade da Coruña emprega os recursos computacionais para realizar predición da estrutura de proteínas de SARS-CoV-2 con técnicas de intelixencia artificial e computación de altas prestacións
Unha grande colaboración na que participan diversos grupos como os liderados por Ángel Carracedo, José Tubío, Susana Ladra, Nieves Brisaboa e tres grandes hospitais galegos xunto co CESGA plantexan desenvolver unha plataforma integrada de monitorización xenómica do SARS-CoV-2 en Galicia, en colaboración entre as tres universidades galegas, os centros hospitalarios do SERGAS e o propio CESGA, que se denorminará Nextgalicia. Esta plataforma permitirá coñecer mellor a orixe, evolución e rutas de transmisión do virus SARS-CoV-2 en Galicia, así como coñecer as transmisións entre as diferentes áreas sanitarias de Galicia. Ao remate deste proxecto existirá unha plataforma que permita esa monitorización en tempo real baseada en información xenómica.
A investigadora, Anna Planas do Institut d’Investigacions Biomèdiques de Barcelona (IIBB-CSIC) desenvolve un proxecto conxunto con moitos centros implicados. Entre eles están o Centro Nacional de Biotecnología (CNB-CSIC) de Madrid, o Instituto de Parasitología y Biomedicina (IPB-CSIC) de Granada, o Instituto de Física de Cantabria (IFCA), e o CESGA. Este proxecto tenta aclarar se existen diferenzas xénicas entre as persoas que desenvolven as formas máis graves da doenza e aqueles que, infectados polo SARS-CoV-2, permanecen asintomáticos.
Incremento na demanda de plataformas de e-Colaboración
Cabe tamén destacar o incremento na demanda que experimentaron as plataformas de e-colaboración e de e-learning do Centro. Así o número de cursos e espazos de colaboración activos en AulaCESGA medrou entre o 9 de marzo e o 22 de abril nun 16,8% chegando a rexistrar 1.114 usuarios a 20 de abril. O número de usuarios tamén experimentou un alza importante superando os 26.000 usuarios. As máquinas que dan soporte a estes servizos foron reforzadas para garantir a continuidade e calidade do servizo.
Igualmente, fortalecéronse os sistemas de videconferencia de AulaCESGA, para absorber o incremento de demanda dos cursos non presenciais de universidades, centros de secundaria e outras institucións. Tamén empregouse polo servizos no CESGA na súa coordinación interna e externa (en proxectos, presentacións e reunións con terceiros, etc.).
Os cursos impartidos polo CESGA que estaban previstos en formato presencial sobre o uso do supercomputador Finisterrae II básico e avanzado e a introdución á paralelización, impartíronse en formato de teleformación, contando cunha grande presencia de investigadores das Universidades, do Consello Superior de Investigacións Científicas e de centros tecnolóxicos. No caso do curso básico, tivéronse que facer dúas edicións pola alta demanda.
Gracias a esta plataforma de videconferencia púidose manter o evento anual de “As rapazas nas TIC”, que contou coa presenza do Vicepresidente da Xunta, Secretaria Xeral de Igualdade e Presidenta da GAIN como invitados institucionais, así como con catro investigadoras e profesionais TIC: Amparo Alonso Betanzos, María Fernández Hermida, Isabel Expósito Pérez e Patricia Mañana Borrazás, na que participaron máis de 170 asistentes, estudantes de primaria e secundaria de centros galegos.