O CESGA selecciona o seu Computador Cuántico, un dos máis ambiciosos do Sur de Europa.
Santiago de Compostela, 19 decembro, 2022.- O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) ven de anunciar que Fujitsu será a empresa que proporcionará o seu computador cuántico, por valor de 14 M€. Esta é a aposta máis ambiciosa pola computación cuántica que se está a realizar en España, e contribuirá dun xeito decisivo ao desenvolvemento do Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia. Esta infraestrutura permitirá realizar investigación de vangarda á comunidade investigadora, a centros tecnolóxicos e a empresas, situando a Galicia na primeira liña do panorama Internacional.
Trátase dun dos primeiros computadores destas características que estará ao dispor da comunidade investigadora no sur de Europa. O computador cuántico, que ao longo de 2023 será instalado no CESGA e posto ao servizo de investigadores e empresas coa ambición de liderar proxectos e investigacións pioneiras, contará cos elementos necesarios para contribuír á xeración de novos algoritmos cuánticos en ámbitos tan relevantes como a simulación de fenómenos físicos e químicos, o cifrado de datos, a procura de optimizacións, a aprendizaxe automática e a solución de problemas complexos, medicina, a intelixencia artificial, a robótica, a ciencia dos materiais e a ciberseguridade. En todos eles, espérase que a computación cuántica sexa decisiva para obter grandes avances dos que se poida beneficiar a sociedade, e nos que Galicia terá un papel relevante.
A adquisición consta de catro elementos principais: un computador cuántico, un computador de altas prestacións, un emulador de algoritmos cuánticos e un sistema de almacenamento onde aloxar os resultados dos novos algoritmos para a súa análise e validación. O elemento central un ordenador cuántico flexible e integrado con outros elementos de computación para facer desta nova infraestrutura un referente nacional e internacional.
Esta adquisición é posible grazas a fondos achegados pola Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia e pola Unión Europea no marco do Eixo REACT UE do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19.
As vantaxes da computación cuántica
Os computadores cuánticos teñen dúas grandes vantaxes comparados cos computadores convencionais. A primeira vantaxe é que permiten solucionar certos problemas que os computadores convencionais non poden solucionar. Isto inclúe novas técnicas nos ámbitos da simulación de fenómenos físicos e químicos, o descubrimento de patróns complexos, a procura de optimizacións ou a solución de problemas complexos.
A segunda vantaxe dos Computadores Cuánticos é o seu enorme potencial para aforrar grandes cantidades de enerxía cando se trata de resolver problemas que resultan moi complexos para os Supercomputadores convencionais, e que polo tanto requiren unha inxente cantidade de enerxía para ser resoltos.
Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia
A adquisición deste Computador Cuántico enmárcase nas actividades do recentemente creado Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia que ten cinco áreas de actuación: A Academia; os centros de investigación, tecnolóxicos e entidades singulares; a economía e empresas; a sociedade; e as infraestruturas.
Ás tecnoloxías cuánticas teñen o potencial de actuar como elemento tecnolóxico disruptivo para acelerar o desenvolvemento económico en todos os sectores. O obxectivo do Polo das Tecnoloxías Cuánticas, en xeral, é posicionar Galicia e mantela nos postos de cabeza neste ámbito. O Polo permitirá atraer talento investigador. De feito, prevese que a computación cuántica supoña un salto tecnolóxico comparable ao que houbo coa chegada dos primeiros transistores semiconductores, os cales permitiron todos os grandes avances da informática nos últimos 50 anos.
O CESGA participa nun proxecto europeo de I+D+i financiado polo programa Quantum Flagship, para o desenvolvemento de novos algoritmos de utilidade, en colaboración con outras entidades europeas, pero especialmente coa Universidade da Coruña, onde está investigando novos algoritmos no campo da Intelixencia Artificial e das finanzas, ademais de deseñando novos programas de benchmarking para medir o rendemento real dos computadores cuánticos.
O CESGA tamén participa no proxecto Quantum Spain, financiado polos fondos Next Generation e o Ministerio de Asuntos Económicos e de Transición Dixital, que ten como obxectivo o despregue na Rede Española de Supercomputación (onde participa o CESGA e que é unha Infraestrutura Científico-técnica Singular) das capacidades tecnolóxicas para a investigación en computación cuántica, especialmente, en Intelixencia Artificial, e a creación dunha comunidade investigadora a nivel estatal.
Así mesmo, a Comunidade Autónoma de Galicia participa no Plan Complementario de Comunicacións Cuánticas. Este Plan é unha iniciativa nacional de colaboración entre o Goberno de España e diversas
Comunidades Autónomas. Busca ter unha mellor posición de España nas diferentes liñas de tecnoloxías cuánticas da información dentro da iniciativa estratéxica europea Quantum Flagship descrita anteriormente. Busca, sobre todo, desenvolver o coñecemento, o talento e a tecnoloxía que permita
contribuír significativamente ao despregue da infraestrutura de comunicacións cuánticas da Unión Europea, denominada EuroQCI. Dita infraestrutura ten que mellorar a confidencialidade e seguridade das comunicacións e espérase que estea operativa en 10 anos ou menos.
A Unión Europea impulsou o programa Quantum Flagship dedicado ao desenvolvemento e despregue das tecnoloxías cuánticas, en catro dos seus ámbitos: a sensórica, a metroloxía, as comunicacións e a computación. No campo das comunicacións cuánticas está impulsando o despregue dunha rede europea de intercambio de claves de cifrado empregando tecnoloxías cuánticas (denominada EuroQCI) e fomentando o desenvolvemento dos computadores cuánticos e o software cuántico en Europa, coa idea de despregar nun futuro próximo unha infraestrutura de computación cuántica distribuída. Deste xeito, o programa EuroHPC vén de financiar o despregue de dous simuladores cuánticos en dous centros de supercomputación europeos, que estarán dispoñibles proximamente.