Project Description

Plataforma CCMM – Programa de ciencias mariñas de Galicia. Plataforma Integrada de Datos Mariños

Na plataforma integrada de datos mariños preténdese demostrar a mellora na xestión dos datos mariños usando tecnoloxías de supercomputación (High Performance Computing, HPC). A utilización das tecnoloxías HPC e o acceso e utilización dos datos que se integrarán na plataforma adoita requirir de coñecementos informáticos avanzados, por tratárense de tecnoloxías novas, pouco probadas, con interfaces de usuario baseados en liña de comandos, e formatos de datos complexos e difíciles de xestionar. Os participantes nesta iniciativa teñen dous perfís principais:
especialistas en tecnoloxía computacional e de xestión de datos (CESGA, UDC, USC); e especialistas en ciencias mariñas con orientación á xestión de datos (IEO e IIM no CSIC, INTECMAR, CETMAR). O pasado día 5 de outubro celebrouse no CESGA unha reunión de inicio do paquete de traballo con todos os socios.

A primeira actividade da plataforma, coordinada por CITIUS-USC, será a determinación das fontes de datos para integrar na plataforma. Localizaranse as fontes de datos que teñan xa feito un traballo previo de homoxeneización e estandarización, así como de interoperabilidade. Estes datos incluiranse na plataforma de integración e serán usados na primeira versión denominada Produto Mínimo Viable (PMV).

Unha actividade determinante para que os datos que entren na plataforma de integración sexan facilmente utilizables e intercambiables é o deseño dun modelo de datos. Realizarase un estudo detallado do conxunto de iniciativas (virtual labs, blockchain, datalakes, etc) e estándares relacionados co modelado de datos medioambientais (e mariños en concreto) e cos catálogos e vocabularios utilizados para as fontes de datos en iniciativas internacionais (SeaDataNet, EMODNET, CMEMS e outras).

O CESGA desenvolverá nunha segunda actividade unha plataforma de integración que terá como obxectivo demostrar a mellora na xestión dos datos mariños usando tecnoloxías avanzadas incluíndo HPC. Nesta liña, as tecnoloxías dispoñibles de supercomputación incluíndo as da área de big data deberán usarse neste proxecto para facilitar o uso de diferentes datos mariños, con distintas estruturas, de xeito que se poidan desenvolver diferentes servizos dun xeito áxil e o máis doado posible.

Na terceira actividade do paquete de traballo, o Laboratorio de Bases de Datos do CITIC-UDC coordinará a posta en marcha dun laboratorio virtual que permita realizar diferentes tarefas relacionando datos de distinta natureza nunha plataforma integrada. Así mesmo, darase soporte cos conxuntos de datos na plataforma integrada ós servizos mariños.
O obxectivo último da Plataforma integrada de datos será permitir que os investigadores do ámbito das ciencias mariñas do sistema de I+D galego fagan mellor ciencia ó proverlles de recursos computacionais, exemplos prácticos e acceso a conxuntos de datos dunha forma estandarizada, rápida e sinxela.

Socios:

Instituto Español de Oceanografía (A Coruña e Vigo) IEO-CSIC
Instituto de Investigacións Mariñas IIM-CSIC
Instituto de Ciencias del Patrimonio INCIPIT-CSIC
Universidade da Coruña UDC
Universidade de Santiago de Compostela USC
Universidade de Vigo UVIGO
Centro de Supercomputación de Galicia CESGA
Centro Tecnolóxico do Mar Fundación CETMAR
Centro de Investigacións Mariñas CIMA
Instituto Galego de Formación en Acuicultura IGAFA
Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia INTECMAR
Unidade de Observación e Predición Meteorolóxica – Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático MeteoGalicia Consellería do Mar CMAR-Xunta

Financiamento: Ministerio de Ciencia e Innovación (MICIN), Consellería do Mar Xunta de Galicia.

Convocatoria: Next Generation EU

Data inicio: 2022/10/14

Data fin: 2025/09/30

Orzamento global: 10.000.000 €

Orzamento CESGA: 274.927 €