Project Description

RedeBigDataII – REDE DE TECNOLOXÍAS CLOUD E BIG DATA PARA HPC (II)

Periodo:2016-12-01 – 2018-12-28 (24 meses).

Entidad financiadora: Xunta de Galicia

http://ghpc.udc.es/

Esta rede temática está focalizada na converxencia das tecnoloxías cloud, Big Data e HPC (High Performance Computing ou Computación de Altas Prestacións) coa finalidade de promover a colaboración interdisciplinar de grupos de investigación de Galicia expertos e demandantes das devanditas tecnoloxías, a través de diversas accións de I+D, formación e difusión.

Incorpora grupos procedentes de diversas disciplinas co fin de acadar unha forte orientación da rede á aplicación das tecnoloxías cloud e Big Data. Esta orientación ven motivada pola grande presenza e demanda actual destas tecnoloxías e polo seu futuro prometedor, tanto no ámbito científico-académico (tal como reflicte a súa significativa presenza no programa Horizonte 2020) como empresarial, polo que a constitución dunha rede destas características en Galicia é oportuna e estratéxica para situar á comunidade científica galega nunha posición destacada tanto no contexto nacional como europeo.

A temática da rede esixe un enfoque holístico, con grupos expertos en distintos ámbitos, tal como se reflicte no perfil dos grupos participantes (Supercomputación, Estatística, Intelixencia Artificial, Bases de Datos/Minería de Datos), co obxectivo de proporcionar unha visión global e enriquecedora e, sobre todo, aplicada a problemas que xurden noutros ámbitos científicos, representados por grupos procedentes doutras áreas (Bioloxía de Sistemas, Filoxenética e Oceanografía, entre outras) e que precisan das tecnoloxías obxecto da rede. Así, na rede están involucrados grupos pertencentes ás 3 universidades do SUG, o que reforza o seu carácter interuniversitario. En cada un dos seus ámbitos científicos os grupos da rede son referentes, non só no SUG, senón tamén a nivel nacional e internacional, e posúen capacidades que se complementan perfectamente para levar a cabo os obxectivos da rede. Adicionalmente hai tres grupos ubicados en Galicia non pertencentes ao SUG (BIOPROC do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo -CSIC-, o Centro Oceanográfico de A Coruña e o Centro Tecnolóxico CESGA) que lle confiren un importante valor engadido á rede.