O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou hoxe o Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) con motivo da instalación do novo supercomputador Finisterrae III
CONDE DESTACA QUE O NOVO SUPERCOMPUTADOR DO CESGA SUPÓN unha infraestrutura básica para a posta en MARCHA DO POLO DE TECNOLOXÍAS CUÁNTICAS DE GALICIA
- – Explica que este proxecto aspira aos fondos europeos Next Generation cun orzamento de máis de 154M€
- – Apunta que o Cesga será o nodo principal do Polo de Tecnoloxías Cuánticas que ten por obxectivo crear en Galicia un espazo para o desenvolvemento de software cuántico e para dar pulo á I+D+i neste ámbito
- – O Finisterrae III, que conta cun investimento de 7M€ por parte da Xunta e o CSIC, multiplica por 12 a capacidade de procesamento e incorpora un simulador de computación cuántica que é o primeiro da súa clase en España
O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, salientou hoxe que o novo supercomputador do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), o Finisterrae III, supón unha infraestrutura básica para a posta en marcha do Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia, que aspira aos fondos europeos Next Generation cun orzamento de máis de 154M€.
Nunha visita ao Cesga para coñecer este novo equipamento, Conde destacou que Galicia avanza na era dixital dotándose de infraestruturas de vangarda como o Finisterrae III, que fan do Cesga un socio tecnolóxico fundamental para o ecosistema galego de I+D+i e os sectores estratéxicos da nosa economía. Non en van, será o nodo principal do Polo de Tecnoloxías Cuánticas, que disporá tamén dunha antena en Vigo e outra no Polo Aeroespacial de Rozas, e que ten por obxectivo crear en Galicia un espazo para o desenvolvemento de software cuántico e para dar pulo á I+D+i neste ámbito.
En cifras, este superordenador, que conta cun investimento de 7M€ por parte da Xunta e o CSIC, permitirá resolver 4.000 billóns de operacións matemáticas por segundo, o que supón multiplicar por 12 a capacidade do Finisterrae II. Disporá dunha memoria total que case triplica a dispoñible actualmente. E incorpora un simulador de computación cuántica que é o primeiro da súa clase en España (30qbits). Polo tanto, dixo Conde, vai ser unha ferramenta fundamental para que os grupos de investigación, os centros tecnolóxicos e o tecido empresarial galego afonden na dixitalización coa incorporación de técnicas como a intelixencia artificial, o Big Data ou a analítica de datos.
En concreto, o Finisterrae III vai permitir aos grupos de investigación das universidades galegas e do CSIC plantexar proxectos de I+D+i máis ambiciosos que co anterior equipamento non poderían ser abordados. E, de igual xeito, ter acceso a tecnoloxías de computación cuántica a través do simulador que incorpora este ordenador, fará posible que o ecosistema galego de I+D+i se posicione con vantaxe neste ámbito. Deste xeito, toda esta potencia de cálculo dará resposta a infinidade de demandas técnico-científicas e beneficiará a sectores tan diversos como a bioloxía, a medicina, o medio ambiente, as finanzas, a aeronáutica, as telecomunicacións, a automoción ou a loxística.
En 2020, o Cesga prestou servizo a 692 investigadores das tres universidades galegas e do CSIC e fixo posible que se levaran a cabo 144 proxectos de I+D+i que mobilizaron 143M€. Agora, grazas ao novo computador Finisterrae, os grupos de investigación que empregan as infraestruturas do Cesga poderán abordar problemas de maior envergadura, en menor tempo e con maior resolución. Son, por exemplo: Meteogalicia; a Fundación Pública de Medicina Xenómica; a Plataforma Innopharma (USC), coa que colabora a Xunta e que traballa no descubrimento temperán de fármacos; empresas como Finsa, ou as tres universidades galegas.
Conde dixo que a Xunta está facendo “un seguimento puntual” desta infraestrutura porque é “unha infraestrutura básica” polas prestacións que ofrece aos ecosistema de I+D+i e ao tecido empresarial porque as novas tecnoloxías dixitais precisan cada vez dunha maior velocidade de procesamento e dun maior almacenamento de datos.
Neste sentido, amosouse convencido de que o Cesga, que é un centro misto entre a Xunta de Galicia e o CSIC, poida obter o financiamento necesario cando o Goberno estableza cales son os criterios de reparto dons fondos Next Generation e cal é a intensidade da axuda. E, na mesma liña, remarcou o compromiso da Xunta con este centro que definiu como “o corazón das novas tecnoloxías” en Galicia.
Máis información:
Máis información:
http://gain.xunta.gal/novas/1479/conde+destaca+nuevo+superordenador+cesga+supone+una+
infraestructura+basica+puesta+marcha+polo+tecnologias+cuanticas+galicia